Diante da pandemia do COVID-19, debemos contribuír a conter a expansión do virus atendendo as indicacións das autoridades sanitarias e cumprindo as obrigas derivadas da aplicación do RD 463/2020.

Van ser días longos, nos que se xerará estrés e malestar psicolóxico. Por iso é aconsellable que sigamos unhas pautas para frear ou atenuar os efectos negativos deste período de confinamento. Velaquí un breve programa a modo de suxestión:


1. Evitar o exceso de información
Só nos informaremos nun momento concreto do día (de mañá, de tarde ou de noite). O resto do tempo ocuparémolo en actividades non relacionadas co tema.


2. Pensamento positivo
Debemos esquecer que non nos deixan saír e centrarnos en que estamos facendo un ben para a sociedade.


3. Utilizar a tecnoloxía.
Manter o contacto coas persoas que máis queremos cos medios tecnolóxicos que temos ao noso alcance.


4. Manter unha actitude activa
Complementar o tempo diante dunha pantalla con exercicios que nos permitan manter unha certa actividade física.


5. Planear unha rutina diaria
Deseñada por nós. Debe incluír un horario de traballo/estudo, orde/limpeza da casa, comidas, exercicio e descanso.


6. Axudarse mutuamente
Reunirnos e tomar conciencia das dificultades que poden supoñer estes días a nivel psicolóxico. Acordar que imos colaborar e apoiarnos para pasalos do mellor xeito posible.


Neste tempo na casa, podemos aproveitar para parar e pensar. É unha boa ocasión para crear redes de solidariedade veciñal a través dunha reflexión conxunta sobre o modelo social que desexamos:
• Este é o modelo social no que nos gustaría vivir?
• Cales son os piares básicos do modelo social que queremos?


Propoñemos unha serie de temas para a reflexión e para compartir suxestións de películas, libros, etc. que nos axuden a afondar sobre eles.
Como punto de partida incluiremos exemplos de películas e/ou documentais en cada un dos temas para dar pé a facer o que se adoita chamar cinefórum, pero desta volta, na casa.

Anímate e participa deixando o teu comentario nas nosas redes sociais!

TempoNaCasa