Blog

27 Mar
0

O Concello inicia unha ‘Desinfección masiva’ no centro e nas parroquias

Nos lugares transitados, prazas, edificios públicos, colectores do lixo e composteiros

O Concello  iniciou este xoves unha “desinfección total” dos lugares máis transitados da vila-preto de gasolineiras, farmacias, supermercados, panaderías, bancos, parada de taxis, tendas, o Centro de Saúde, prazas ou a oficina de Correos-, ademais de todos os edificios públicos, coma o propio Concello o Mercado ou as dependencias de Servizos Sociais- un traballo que seguirá a semana que ve, e que se repetirá as vindeiras, coa finalidade de “reducir ao máximo o risco de contaxio por coronavirus“, sinala o segundo tenente de alcalde e concelleiro de Servizos Públicos, Óscar González.

Este traballo está a ser posible grazas á colaboración “totalmente altruísta” de Talleres La Almudena, que non so vén de ceder un tractor ao Concello para poder levar adiante este labor, senón que puxo a disposición da mesma a dous dos seus empregados que, xunto cun traballador municipal, están a realizar a limpeza.

O Concello aporta o bactericida que está a empregarse na desinfección e os Equipos de Protección Individual (EPIs), compostos por buzos, luvas, máscaras e gafas.

Desinfección dos colectores do lixo e composteiros

Ao mesmo tempo que se realiza este traballo, o Concello vai a desinfectar todos os colectores do concello, que están repartidos en 330 puntos, un traballo que se repetirá as veces que sexa necesario para que diminúa ao máximo calquera risco que puidese existir ao deixar o lixo. Xunto cos contedores tamén están a desinfectarse todos os centros de compostaxe públicos das Neves.

Tamén do interior de todos os edificios públicos.

Para poder facelo a fondo, as profesionais da empresa Arcoiris, que dende hai máis de 20 anos ten contrato co Concello para a limpeza dos colexios e do Centro de Día, sumáronse ás empregadas municipais, unha medida que non so permitirá realizar este labor, senón que axudará a que aquelas traballadoras non se vexan abocadas a un Expediente Temporal de Regulamento de Emprego (ERTE).

O traballo, que están a desenrolar durante 5 horas polas tardes (no mesmo horario de limpeza dos centros de ensino e o de día) empezou onte coa desinfección completa do Mercado Municipal, para “garantir a total seguridade na venta deste venres”, e seguirá xa durante o resto dos días, de xeito que os inmobles públicos sexan esterilizados a diario.

Ler Máis
26 Mar
0

A Xunta publica as medidas que hai que cumprir para poder traballar no campo

Texto íntegro do DOG nº58 do 24/03/2020

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 23 de marzo de 2020 pola que adoptan medidas de carácter obrigatorio en relación co COVID-19 en cumprimento do Acordo do Centro de Coordinación Operativa da emerxencia sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia (Cecop), do 18 de marzo de 2020, sobre a venda directa de produtos agrogandeiros nos mercados, a venda de produtos vexetais para a plantación en hortas de consumidores finais e o desprazamento de agricultores e viticultores para os efectos da realización de actividades agrarias.

Co fin de garantir a efectiva aplicación das medidas previstas no Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma, e que foi modificado polo Real decreto 465/2020, do 17 de marzo, cómpre a adopción de determinadas medidas de carácter obrigatorio.

Nesa mesma liña, o Acordo polo que se declara a situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e se activa o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga) no seu nivel IG (emerxencia de interese galego), como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19 (DOG número 50 bis, do 13.3.2020), determina no seu punto cuarto que «para o desenvolvemento do Plan poderán ditarse ordes e instrucións que afecten dereitos da cidadanía nos termos establecidos polas leis, así como adoptarse medidas de obrigado cumprimento para os seus destinatarios e destinatarias, conforme o que se dispoña se así o aconsellan as necesidades da emerxencia e dos bens que hai que protexer». E, no seu punto sexto, que «A declaración de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia entenderase sen prexuízo das competencias estatais e das medidas que o Goberno ou a Administración do Estado aprobe no marco das súas competencias e en coordinación con elas».

Con absoluto respecto ao establecido nas indicadas disposicións e, en particular, ao Acordo do Centro de Coordinación Operativa da emerxencia sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia (Cecop), do 18 de marzo de 2020, procede establecer normas complementarias no ámbito da venda directa de produtos frescos, da venda de produtos vexetais para a plantación en hortas de consumidores finais, así como sobre o desenvolvemento da actividade agrícola polas persoas que se dedican a esta actividade do sector primario, sobre as que desempeña as competencias a Comunidade Autónoma de Galicia, encamiñadas todas elas a limitar a circulación e desprazamento das persoas, pero tamén a garantir a cobertura destas actividades, que procuran produtos básicos ou de primeira necesidade, ou que resultan imprescindibles para a súa produción e posta á disposición de forma directa aos consumidores.

Polo exposto, no marco das competencias exclusivas que corresponden á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de ordenación, fomento e mellora da produción agrogandeira, a protección e control da sanidade animal e vexetal, a defensa da produción nos cultivos vexetais agrícolas e os seus produtos, e dos procedementos relacionados coa seguridade alimentaria das producións primarias agrícolas e gandeiras, e de conformidade co establecido no Real decreto 463/2020, do 14 de marzo,

ACORDO:

Artigo 1. Obxecto da orde

En cumprimento do acordado na xuntanza do 18 de marzo de 2020 polo Centro de Coordinación Operativa da emerxencia sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia (Cecop), a presente orde ten por obxecto regular as condicións de venda directa de produtos agrícolas e gandeiros nos mercados tradicionais que teñen lugar nos concellos de Galicia, a venda ao retallo de produtos vexetais para a plantación en hortas de consumidores finais e o desprazamento de agricultores e viticultores para os efectos da realización de actividades agrarias.

Artigo 2. Venda directa de produtos agrícolas e gandeiros nos mercados tradicionais que teñen lugar nos concellos de Galicia

1. Queda prohibida ata o 31 de marzo a realización dos mercados tradicionais que teñen lugar nos concellos de Galicia con venda directa de produtos agrícolas e gandeiros. O levantamento ou mantemento desta prohibición despois do 31 de marzo poñerase en coñecemento da cidadanía a través da páxina web da Consellería do Medio Rural

2. Sen prexuízo do anterior, fomentarase a venda de produtos agrícolas e gandeiros por medios alternativos que non impliquen presenza física, como por vía telefónica, con realización de pedidos a través da rede en liña (correo electrónico), ou similares, servidos polo produtor no domicilio do consumidor, e que eviten o desprazamento de persoas pola vía pública.

3. Cando se levante a prohibición da realización de mercados tradicionais que teñen lugar nos concellos de Galicia establecida no número 1, a venda directa nos mercados limitarase única e exclusivamente a produtos agrícolas e gandeiros do sector de alimentación e produtos perecedoiros, no marco do establecido no Real decreto 463/2020.

En todo caso, os operadores comerciais participantes e as persoas usuarias quedarán sometidos ás seguintes normas específicas:

a) En canto aos postos. Os postos deberán atoparse separados por unha vía de tránsito e cunha distancia mínima entre eles de 6 metros. Permítese unha separación mínima de 4 metros entre os laterais. Como forma de instalación dos postos na superficie do mercado, recoméndase unha disposición en triángulo (en forma de triángulo equilátero, evitando que un punto de venda estea enfrontado a outro).

Dentro dun mesmo posto as persoas vendedoras deberán gardar entre si unha distancia mínima de 2 metros, quedando restrinxida a actividade comercial a un único operador no caso de que as medidas do posto non fagan posible esta separación física.

Recoméndase aos responsables dos postos poñer á disposición da clientela luvas dun só uso. En todo caso, será indispensable o uso de luvas para tocar os produtos en venda. Recoméndase contar con dispensadores de xel desinfectante para uso tanto das persoas vendedoras como das persoas usuarias de acordo coas recomendacións das autoridades sanitarias.

b) En canto ás persoas vendedoras. Serán as persoas titulares da explotación agraria con actividade inscritas na sección de venda directa (Sevedi) do Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga), parentes en primeiro grao que colaboran na actividade agraria ou empregados da explotación.

c) En canto ás persoas usuarias. A distancia mínima entre cada persoa usuaria do mercado será de 2 metros coas excepcións que establece para o efecto a normativa estatal.

A Policía Local, as agrupacións de voluntarios de Protección Civil e, en xeral, os axentes da autoridade velarán por que desde o inicio ata a conclusión do mercado se respecte esta distancia mínima persoal, regulando se for necesario o acceso para evitar aglomeracións e evitando na medida do posible calquera contacto social que non teña por obxecto a compravenda.

d) En canto á limpeza e recollida. Os refugallos xerados polo mercado deberán ser depositados en bolsas dentro dos colectores instalados para o efecto polos servizos municipais de limpeza e recollida de lixo, e, en todo caso, observaranse as determinacións que ao respecto se establezan nas ordenanzas ou bandos municipais.

Artigo 3. Venda de produtos vexetais para a plantación en hortas de consumidores finais

O Acordo polo que se declara a situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e se activa o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga), do 13 de marzo de 2020, foi expresamente ratificado pola disposición derradeira primeira do Real decreto 463/2020. O punto dez do dito Acordo do 13 de marzo exceptúa da suspensión de apertura os «establecementos comerciais retallistas de alimentación e produtos e bens de primeira necesidade recollidos a continuación segundo a Clasificación nacional de actividades económicas 2009 (CNAE-2009) e, concretamente, o código 47.76 comprende o «Comercio ao retallo de flores, plantas, sementes, fertilizantes (…) en establecementos especializados».

En aplicación desa disposición, os establecementos que vendan os referidos produtos non se atoparían afectados pola suspensión de apertura decretada.

Sen prexuízo da venda en establecemento de produtos vexetais para a plantación en hortas de consumidores finais, esta poderá realizarse tamén a través da venda ambulante, con desprazamento das persoas vendedoras ás localidades onde teñen os seus clientes, nos termos e condicións para a venda ambulante ou non sedentaria previstos na Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia, nas ordenanzas municipais e demais normativa aplicable.

As persoas vendedoras de produtos vexetais para a plantación en hortas de consumidores finais deberán dispoñer do carné básico de aplicación de produtos fitosanitarios, que poderá exixírselles como acreditación. Igualmente, a acreditación polas persoas compradoras de produtos vexetais con destino á plantación en hortas farase co dito o carné básico de aplicación de produtos fitosanitarios.

Artigo 4. Realización de actividades agrarias

As persoas agricultoras e viticultoras profesionais e os seus traballadores poderán efectuar os desprazamentos para a realización dos traballos necesarios de atención e mantemento dos cultivos e das viñas.

Para os efectos desta disposición, terá a consideración de agricultor/a profesional, ben sexa a tempo completo ou parcial, quen estea de alta no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga).

Para a acreditación do carácter de agricultor/a, que xustifique a realización deses desprazamentos, é suficiente coa inscrición da explotación no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga). Nese sentido, os axentes da autoridade poderán dirixirse ao dito rexistro para efectuar calquera comprobación que consideren oportuna. No caso das persoas viticultoras profesionais, poderán acreditalo tamén co carné de aplicador/manipulador de produtos fitosanitarios ou coa tarxeta de rexistrado dispensada polo consello regulador da denominación de orixe cando se dan de alta nos rexistros.

Respecto das persoas que teñan cultivos ou viñas considerados de autoconsumo, é dicir, con fins non comerciais e, polo tanto, non desenvolvan unha actividade profesional agraria, poderán realizar os desprazamentos mínimos e imprescindibles para o mantemento e atención dos ditos cultivos e viñas, sen que o desprazamento poida supoñer unha distancia superior a 500 metros da súa vivenda habitual. En ningún caso poderá haber máis de dúas persoas na leira, as cales deberán respectar en todo momento as distancias de seguridade e demais protocolos de prevención establecidos pola autoridade sanitaria.

En relación coa acreditación da necesidade de desprazamento, nas actividades agrarias consideradas de autoconsumo poderá realizarse coa presentación do carné de aplicador/manipulador de produtos fitosanitarios. No caso das persoas viticultoras, poderán acreditalo co carné de aplicador/manipulador de produtos fitosanitarios ou coa tarxeta de rexistrado dispensada polo consello regulador da denominación de orixe cando se dan de alta nos rexistros.

Disposición derradeira única. Vixencia

A presente disposición entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e estenderá a súa vixencia ata a finalización da declaración do período do estado de alarma ou as súas prórrogas.

Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2020

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural

Ler Máis
26 Mar
0

SUSPENSIÓN DE TRAMITACIÓN DE PROCESO SELECTIVO PARA CUBRIR UNHA PRAZADE AUXILIAR DE ADMINISTRACIÓN XERAL VACANTE NO CADRO DE PERSOAL FUNCIONARIO DO CONCELLO DAS NEVES

Ler Máis
25 Mar
0

Servizos Sociais aumentan ata as doce horas diarias o seu horario de atención telefónica

O Concello das Neves vén de ampliar o horario de atención telefónica do seu departamento de Servizos Sociais co obxectivo de “facilitar a atención a todas aquelas veciños e veciñas que o precisen”, cando enfrontamos a segunda semana de confinamento e logo de que estea previsto que este se alongue, cando menos, dúas semanas máis.

As persoas que o precisen poden establecen contacto chamando aos teléfonos 986 66 71 34 ou 689 98 42 10, en horario de 09:00 a 21:00 h. Tamén están abertos os enderezos electrónicos, para contacto por email, concello@asneves.gal e servizossociais@asneves.gal.

Esta medida súmase ás que está a impulsar o Goberno local ante a pandemia de coronavirus e que, entre outras iniciativas, xa en marcha, abranguen a entrega de mascarillas a todas as traballadoras e traballadores dos establecementos abertos nas Neves; a  subministración de alimentos e medicinas o seguimento de veciños e veciñas maiores que viven soas, ademais de todas as que están a ser atendidas polos Servizos Sociais do Concello e as usuarias do Centro de Día, ou  a información “a diario” sobre a necesidades, situación e funcionamento do Centro de Saúde.

Ler Máis
24 Mar
0

Actualización das medidas da crise do COVID-19

No marco dos traballos e medidas establecidas polo Concello nestes días de crise, actualizamos a información para a Comisión de Seguimento e toda a Veciñanza.

As medidas máis importantes son o seguimento telefónico, o acordo coas farmacias, a ampliación de horarios de Servizos Sociais e a entrega de mascarillas a empregadas e empregados dos establecementos comerciais.

Ler Máis
24 Mar
0

Reparto de mascarillas ás empregadas e empregados de todos os establecementos das Neves

Como parte das medidas impulsadas dende o Goberno local das Neves, este luns comezou o reparto de ‘mascarillas’ no concello, destinadas a “todos os establecementos que están abertos ao público”, sinala a concelleira de Ensino e Benestar Social, Pilar González Casas.

As ‘mascarillas’, que foron doadas ao Concello das Neves, están sendo entregadas ás empregadas e empregados de supermercados, panaderías, gasolineiras, tendas, ferreterías, carnicerías ou farmacias que seguen a traballar estes días e que están extremando as súas medidas de protección para evitar o contaxio do COVID-19.

Estas medidas están, tamén, sendo reforzadas no propia casa do Concello e entre todas e todos os traballadores municipais que seguen a facer o seu labor e que dispoñen das mesmas, ademáis de luvas e desinfectante para as mans.

Esta iniciativa súmase ás que xa están en marcha para “minimizar todo o que poidamos” os efectos da pandemia do coronavirus, tanto polo que se atangue á protección, coma o “acompañamento, apoio e amparo a todas as veciñas e veciños, en especial a aqueles que viven sós e que, pola súa idade ou a súas circunstancias, son especialmente vulnerábeis”.

En base a iso, está a funcionar a subministración de alimentos e medicinas o seguimento de veciños e veciñas maiores que viven soas, ademais de todas as que están a ser atendidas polos Servizos Sociais do Concello e as usuarias do Centro de Día, e a información “a diario” sobre a necesidades, situación e funcionamento do Centro de Saúde.

Reparto no Supermecado de Taboexa

Foto ao chegar a unha das farmacias

Ler Máis
21 Mar
0

Subministración de alimentos e medicinas, atención a veciñas e veciños que viven soas entre as medidas que puxo xa en funcionamento o Concello das Neves

Dentro das accións postas en marcha polo Concello das Neves para  complementar as medidas fronte á pandemia de coronavirus, xa están en  funcionamento a organización de quendas de persoal para atender o Concello e Servizos Sociais, (a porta pechada), recollida de lixo, limpeza así coma outros traballos no exterior, coma reparacións ou transporte de alimentos.

Subministración de alimentos e medicinas

Do mesmo xeito organizouse a actividade do Banco de Alimentos, mercando e repoñendo o imprescindible para subsistir estes días así coma o programa de entrega de comida, medicinas, “e outras necesidades urxentes na casa, a aquelas veciñas e veciños que as soliciten”, subliña a concelleira de Ensino e Benestar Social, Pilar González Casas.

Seguimento de veciños e veciñas maiores que viven soas

Nesta liña, o Concello, que vén de incorporar ao cadro de persoal de Servizos Sociais dúas persoas. Está a facer un seguimento telefónico de persoas maiores que viven soas e, “a diario, das que están sendo atendidas dende Servizos Sociais e as usuarias e usuarios do Centro de Día”.

Atención Temperá e Compartir e Vivir

O Concello mantén operativo telemáticamente o Servizo de Atención Temperá que está en funcionamento de 8 da mañá a 3 da tarde.

Na mesma liña, segue adiante, o programa de atención personalizada telefónica para as persoas integradas nos grupos sociocomunitarios das  parroquias, de tal xeito que no que atangue ao programa “Compartir e  Vivir”, haberá contacto cos seus participantes o luns, día 23, de 11:30 a 12:30h. polo que se refire ás veciñas e veciños de Setados; no mesmo horario, o martes, 24, aos participantes de San Cibrán e o xoves, 26, aos de Liñares.

No que se refire ao ‘Obradoiro de busca de Emprego’, o profesor segue a facer seguimento telefónico, e por correo electrónico, das tarefas dos seus compoñentes, e corríxense tarefas enviadas, coma curriculos ou cartas de presentación.

Seguimento do Centro de Saúde

A concelleira de Ensino e Benestar Social está a facer un seguimento “diario” sobre a necesidades, situación e funcionamento do Centro de Saúde. En relación con varias comunicacións de usuarios do mesmo, dende o propio centro sinalan que no caso das prescricións de ‘Sintrón’, os pacientes están a ser citados cada 10 minutos, cada un na consulta da súa enfermeira e médico, e se lles da o resultado de inmediato para que permanezan o menor tempo posible no centro, polo que en ningún momento hai xuntas na sala máis de dúas persoas e mantendo sempre a distancia de 2 metros entre elas e, por suposto, previa desinfección das mans.

Comunicación a Xunta e Goberno do Estado

Seguindo a necesidade de coordinación das actuacións e iniciativas das distintas administracións, o Concello das Neves informa puntualmente á Xunta de Galicia da medidas adoptadas a nivel local e, neste mesmo eido, xa ten enviado ao Goberno do Estado o ‘cuadrante’ de dispoñibilidade de espazos no que se refire ao Centro de Día.

Outras accións sobre as que se está a traballar

Ler Máis
17 Mar
0

Suspensión de procesos polo estado de alarma

Ler Máis
16 Mar
0

Servizo de entrega de bens de primeira necesidade

O Concello das Neves informa: #QuedaNaCasa #TempoNaCasa

As Neves pon en marcha un servizo que tenta paliar dificultades sociais, económicas ou de mobilidade derivadas do establecemento do decreto de Estado de Alarma a causa do Coronavirus, mediante a entrega no domicilio de bens de primeira necesidade.

Se padeces unha situación transitoria de necesidade ou coñeces alguén que pode precisar axuda. Contacta co departamento de Servizos Sociais  do Concello no teléfono 986 667 134 (de 9 a 14hs) ou no mail servizossociais@asneves.gal

Ler Máis
15 Mar
0

Decreto de Estado de Alarma do goberno do Estado

O Concello das Neves informa do Decreto de establecemento do Estado de Alarma.

Ver o Decreto BOE-A-2020-3692

Ler Máis