A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a concesión das axudas municipais ás Comunidades de Augas convocadas por primeira vez no concello das Neves, cun orzamento total de 20.000 €.

Presentáronse un total de sete solicitudes e unha delas, finalmente renunciou. As demais foron valoradas seguindo un total de 13 criterios obxectivos. Así, finalmente, resultaron concedidas as axudas das catro propostas de maior puntuación, achegadas polas comunidades de Usuarios de Vide (70 puntos), Santiago de Ribarteme (70 puntos), Taboexa Norte (65 puntos) e San Pedro de Batalláns (65 puntos).

Tendo en conta que cada Comunidade pode optar a un máximo do 70% do seu investimento, cun máximo de 7.000,00 €, adxudicouse a concesión da subvención máxima (70% do orzamento presentado) ás dúas melloras clasificadas, que obtiveron 70 puntos, e concedeuse unha axuda
de aproximadamente o 60% do orzamento presentado ás dúas que obtiveron 65 puntos; esgotando o máximo de 20.000 € euros previstos.

Quedaron fóra, por esgotamento do crédito orzamentario no vixente exercicio de 2021, as Comunidades de Usuarios de Augas de Cerdeira e de Lombo-Campo-Filgueira-Couto, que obtiveran 55 puntos na valoración realizada pola comisión técnica.

Dende o Concello avalíse positivamente esta primeira convocatoria de axudas municipais, que supoñen un novo avance na colaboración coas Comunidades de Augas, entidades que realizan unha labor importantísima no mantemento dun servizo fundamental como é o de abastecemento de augas de consumo.

As bases e os documentos para a xustificación (formulario 3 e 4) están dispoñibles na anterior nova https://www.asneves.gal/aprobadas-as-bases-de-axudas-municipais/.