from to
Medio Natural Novidades
As Neves Map

O Concello das Neves organiza o sábado 27 unha xornada para analizar experiencias produtivas de usos alternativos para o monte.

Distintas alternativas de usos produtivos para o monte serán presentadas no Auditorio das Neves o vindeiro sábado 27 de Xaneiro. O Concello organiza estas xornadas como unha nova iniciativa para para dar resposta aos danos causados polo lume do pasado 15 de outubro. Baixo o lema Repensar o Monte, distintos expertos expoñerán as súas experiencias en apicultura, micoloxía, froitos do bosque, cerdeiras e castiñeiros para madeira, entre outras. O evento abrirase ás 10 da mañá coa intervención do Alcalde das Neves, Xosé Rodríguez, e unha conferencia de Juan Picos, director da Escola de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo.

As xornadas rematarán coa actuación solidaria da Banda de Gaitas Xarabal que percorrerá as rúas da localidade o sábado 27 desde as 13h.

As experiencias serán presentadas ás 11:15 nunha mesa redonda moderada pola enxeñeira forestal Alexandra González na que participarán Hifas da Terra, CERNA (Enxeñaría e Asesoría Medioambiental), as Comunidades de montes de Couso (Gondomar) e Covelo Abella Lupa, Miguel Fernández de Salvaterra, e Quin Álvarez Martínez. agricultor da zona do Rosal. As Comunidades de Montes das Neves participarán tamén no coloquio posterior.

O público contará coa presenza de participantes no Encontro solidario organizado esa fin de semana en As Neves pola Asociación Galega de Autocaravanas, que serán recibidos o venres 26 as 20:30h no Auditorio polas voluntarias e voluntarios, neste acto proxectarase tamén o video #AsNevesZonaCero de Adrián González e Diaño Filmes. A entrada é pública. 

Os caravanistas protagonizarán o domingo 28 ás 11 o acto simbólico de inicio do proxecto de educación e recuperación medioambiental Sementando vida, repoñendo as árbores queimadas na circunvalación das Neves.