Trátase de unha serie de construcións que sirven para capturar peces de río, como lampreas, anguías, troitas e salmóns e están sitas entre correntes e remuíños.

Atopamos pesqueiras no ríos máis importantes de Galicia (o Miño, o Ulla ou o Tambre). Este tipo de estruturas para a pesca fluvial son, quizais, dos máis enxeñosos e antigos que se conservan na nosa xeografía. Realizadas en cachotería de granito e sen ningún tipo de argamasa semellan grandes murallas de pedra sobre o río, divididas en dous, tres ou catro “poios” que conforman estreitos caneiros por onde discorre a auga e onde se colocan os “buitiróns”. Estas son grandes redes de pesca, de forma cónica, onde as capturas entran pero non son capaces de saír.

As pesqueiras alcanzan os cinco metros de lonxitude, os dous metros de ancho e os seis metros de altura constituíndose como verdadeiros farallóns de pedra sobre o Pai Miño. Elementos que se confunden coas paredes verticais que neste punto do río, se aproximan para acubillar o rápido discorrer das augas e no que os límites do construído polo home e a forza da natureza se desdebuxan nun marco de incomparable beleza.

Dende antigo, este tipo de construcións utilízanse principalmente para a captura da raíña dos nosos ríos, a lamprea. De feito, xa aparece relatado no “Índice de la renta del Monasterio de A Franqueira y de los títulos y foros que para cobrarla hay en su archivo” o pago de foros en lampreas xa no século XVII, a este mosteiro por parte do Conde de Salvaterra, propietario de moitas destas construcións.

Estes bens son de propiedade particular e pasan de xeración e xeración, polo que aínda hoxe en día, existen familias nas Neves que fan uso delas. Numeradas correlativamente, neste tramo do río poderás ver máis de 50 pescos ou pesqueiras.

No lugar de Prado (parroquia de Vide) e no Camiño dos Pescadores pasearás entre estas construcións, palpar parte do noso acervo cultural e admirar as magníficas vistas sobre o Miño que o municipio de As Neves nos ofrece.